22/2/14

INICIAMOS AS ACTIVIDADES DO ENTROIDO

Na semana pasada empezamos a realizar actividades relacionadas coa festa do Entroido.
Cos compañeiros de 5º fixemos un mural no que disfrazamos.....? Iso é o que vos toca adiviñar!
Tamén, con persoal de Urbana Norte, empezamos a facer máscaras venecianas, que na semana que ven pintaremos. Aí van unhas imaxes das actividades. Que vos gusten!


21/2/14

VISITA AOS MUSEOS CIENTÍFICOS CORUÑESES


Unha pequena mostra do que poidemos disfrutar na saída aos Museos Científicos Coruñeses o martes 18 de febreiro.


15/2/14

O PASO PARA O IES

CHARLA-COLOQUIO CO DIRECTOR E ORIENTADORA DO IES XELMÍREZ II COS ALUMNOS DE 6º DE E.P.
             O mércores 12 de febreiro, á volta do recreo, tivemos unha sesión de traballo co Director (José Luís) e a Orientadora (Cruz), do IES Xelmírez II, na nosa aula.
     Ademais de facer un percorrido virtual polo centro, mediante imáxenes, estivéronnos explicando o que nos vai supoñer o traslado a ese centro: a nivel de horarios, profesorado, áreas/asignaturas, normas, medios,....
     Nós fixemos, para o día seguinte, unha pequena reflexión do que teriamos que cambiar, ou mellorar, para levar a bo termo os nosos estudos.





Uns máis, outros, menos, pero apuntamos, sintetizadas, ideas como:
  • “Teño que mellorar no comportamento, non facer o tonto e deixar de xogar na clase”.
  • “Teño que cambiar o ritmo de traballo, atender máis nas clases, e non facer o tonto nin o lacazán”.
  •   “Debería de estudar máis, repasar as cousas e volvelas a ler, nos exames ler as preguntas máis dunha vez e repasalos... e estudar máis”
  •  “Debería facer máis e esforzarme máis”.
  • “Se teño algunha dúbida, pregunatr e non calar, atender ás explicacións, traballar con bo ritmo, fixarme máis na escrita, intentar non deixar as tarefas para o último día e non deixar cousas sen facer”
  •  “Debo cambiar a miña forma de traballar e aínda prestar máis atención”.
  • “Debería mellorar o meu comportamento, estar máis atento nas clases, charlas, saídas..., facer as actividades que me mandan e ser máis independente á hora de facelas. Pero penso que non son o suficientemente maduro para pasar para o IES”.
  • "debería escribir máis rápido, estar máis atento, presentar mellor os traballos e facelos todos, ler moitísimo máis e estudar, cada día, o que nos vaian explicando".
  • "Considero que teño que mellorar a letra, facer rápido as actividades, fixarme cando copio os enunciados, releer as actividades cando as acabo e esforzarme máis en todo".

REFLEXIÓN DA TITORA:
Creo que tedes claro o que tedes que facer cada quen. Eu estou de acordo coas ideas que apuntades. Algunhas precisan que transcorra tempo pero, outras,….. que vos parece se xa empezamos a poñelas en práctica? 
Se empezades agora, non credes que xa tedes moito camiño andado?
ANÍMOVOS A INTENTALO XA!   
A POR TODAS CHICOS E CHICAS!!!!

13/2/14

CONCERTO DIDÁCTICO NO TEATRO PRINCIPAL

RITMOS IBÉRICOS NO TEATRO PRINCIPAL CO GRUPO DE PERCUSIÓN ODAIKO E A BANDA MUNICIPAL
O luns, día 10, fomos os alumnos de 5º e 6º de EP ao Salón Teatro, a participar nun espectáculo do grupo Odaiko e a banda Municipal de Santiago.
Narraron a historia dun grupo de percusionistas que se foron de viaxe por diferentes puntos da xeografía. En cada cidade ou CCAA que paraban, sempre se encontraban con algo que lles animaba a poñerse a tocar. Por iso poidemos escoitar e facer nós tamén ritmo co nosos corpo de música moi variada: muiñeiras, sevillanas, marcha militar, samba, etc.
Gustounos moito porque foi moi participativo, ameno, e “marchoso”.
Deixamos unhas imaxes, algunhas con ritmo!



8/2/14

CONCERTO NO AUDITORIO DE GALICIA

Os do terceiro ciclo iniciamos as actividades complementarias dos 2º trimestre asistindo a un concerto da Orquestra Xoven da Real Filharmonía de Galicia o día 24 de xaneiro.

 Foi a primeira vez que asistimos a un concerto de músicos tan novos e en tan grande número. Había moitísimos músicos.  A maioría dos instrumentos eran de corda e de vento.Foi moi diferente a todos aos que asistimos.
 Ímosvolo contar: unha rapaza estaba sentada, nunha esquina do escenario, e ía lendo un diario dunha moza, estudante de conservatorio. Cada vez que lía un anaco, e tendo en conta o que transmitía, os músicos interpretaban unha peza. A moza, que se namorou dun compañeiro, soñaba con viaxes a distintos países e a orquestra interpretaba as pezas acordes cos seus soños. Ao final, iso fíxose realidade!

 Gustounos moito e resultounos moi entretido!
Deixámosvos unhas imaxes.
(Chicas e chicos de 6º de E.P.)

1/2/14



CONTA CONTOS DA EDITORIAL VICENS VIVES
            O venres 17 de xaneiro fomos ao salón de actos, xunto cos compañeiros de 4º e 5º para participar nunha actividade de conta contos ofertada pola editorial Vicens- Vices.
Desta editorial leramos no primeiro trimestre a obra “Noiteboa de Pantasmas” que nos gustou moito. Os contos non tiñan relación con este libro pero tamén nos gustaron moito e ademais foron moi entretidos.
Ao entrar vimos unha mesa tapada cun pano negro e enriba un cesto. Pareceunos que non había ninguén pero si que había: a conta contos estaba agochada debaixo da mesa.
            O primeiro conto tratou dun mozo que foi pasear  a un bosque e veu pasar unha rapaza moi fermosa. Prendouse dela. Ao día seguinte volveu ao mesmo sitio e volveu a pasar a moza. Miráronse e.... así foron pasando os días ata que, un día, o mozo foi quen de falarlle. Namoráronse e decidiron casarse pero a moza púxolle como condición que nunca podería abrir o cesto para mirar o que había dentro.
E así foi, casaron, eran moi felices pero un día que el quedou na casa porque estaba enfermo e, a muller si saíu, el non puido resistir a tentación de abrir o cesto. Botou grandes gargalladas ao comprobar que estaba baleiro. Nese momento a muller notou como se lle partía o corazón. Ao chegar a muller á casa axitouno e soou como se estivera cheo de cousas. A muller, decepcionada, marchou e nunca máis se volveu a saber dela.
CONCLUSIÓNS QUE SACAMOS:
* Aínda que non poidamos ver algunha cousa non quere dicir que non exista
* Non todas as persoas son como aparentan.
* Nunca, pero nunca, debemos romper as promesas.

    O segundo tratou de dúas tartarugas que se namoraron e casaron. Ela sempre estaba na casa mentres el ía pescar. Como se aburría, ao cabo dun tempo, foille pedindo algunha cousa: pinturas…. El mercáballe un cadro xa feito; unha partitura ou unha frauta.... el mercáballe un equipo de musica, etc. Cada cousa que lle levaba íalla atando enriba da cuncha, de xeito que chegou un momento en que xa case non se podía mover. Pensando, pensando, decidiu saír da cunha e empezar a facer cousas. E así o fixo: brincaba, bailaba, pintaba... Ata que un día decidiu fuxir e outras tartarugas decidiron facer o mesmo.
CONCLUSIÓNS QUE SACAMOS:
* Debemos respectar as ideas dos demais, dos compañeiros para que sexan os nosos amigos.
* As persoas teñen que ser libres, independentemente do sexo.

            O terceiro conto tratou dunha señora que ía para o mercado a vender mel pero tropezou, e caeulle todo ao chan. Púxose a chorar e dicía: “Papá Deus, Papá Deus, porque me traes tanta desgraza?
Un mono observou a escena e, ao marchar a señora, probouno e gustoulle. Pensou que a desgraza era o mel e polo tanto que a desgraza era algo delicioso.
Foi xunto a Papá Deus a pedirlle toda a desgraza do mundo. Deulle un saco e díxolle que o fose a abrir ao medio do deserto. A sorpresa foi que del saíron uns cans famentos... O mono empezou a correr diante deles, dando voltas, e cando xa pensaba que lle chegaba o fin, brotou unha árbore, subiuse a ela e salvouse.
CONCLUSIÓNS QUE SACAMOS:         
* Non todo é o que parece, cando teñamos dúbidas se interpretamos algo ben, debemos preguntar antes de concluír. Co diálogo será mellor a convivencia.
*  Nunca debemos perder a esperanza; sempre hai algunha “man amiga” coa que contar.

(Chicos e chicas de 6º)


REPRESENTANDO PROFESIÓNS: "CUBISMO"

Unha pequena mostra de como os "grandes" artistas de sexto, intentan seguir os pasos dun dos grandes da historia: PABLO PICASSO.


MANS POLA PAZ


Mostra dos lemas e mans pola PAZ.